Friday, June 22, 2012

FESTIVAL DE FIN DE CURSO

Reporteiros e reporteiras do Equipo G recolleron un mangado de opinións antes e despois do Festival de música, que tivo lugar no salón de actos e contou cunha asistencia masiva. En xeral, parece que gustou. Ti que pensas? Vota na enquisa da marxe.
Ah! e tes máis "Novas do Val do Tea" na sección Novas do Insti, da nosa web.


Saturday, June 2, 2012

ACTIVIDADES DAS LETRAS GALEGAS

O venres 18 de maio celebramos a festa das nosas letras cunha morea de actividades relacionadas directa ou indirectamente coa nosa lingua, tales como os xogos tradicionais, os xogos "on line" en galego (preguntoiro, trivial, etc.), o concurso de karaoke, a distribución de lambetadas para tinxir a lingua de azul, etc. Ademais, na entrada do centro estivo situada unha fantástica composición audiovisual sobre o poema "Cando ti volvas..." de Paz-Andrade, idea orixinal e montaxe do Departamento de Educación Plástica.
Deixamos constancia disto no seguinte vídeo:

Friday, May 25, 2012

NOVAS DO VAL DO TEA

Este é o título provisional dunha serie de informativos que iniciamos na programación de Cousas Nosas TV. Ben, non son propiamente informativos, senón unha especie de magazines espontáneos con entrevistas sobre un tema de actualidade. O primeiro da serie dedicámolo aos futboleiros e futboleiras. Agardamos que vos guste.


Wednesday, April 18, 2012

PRECISAMOS CANCIÓNS PARA O LIPDUB

Pois si, unha vez máis, pretendemos elaborar ese vídeo musical (lipdub) no noso instituto. E para iso o primeiro que precisamos é unha canción, unha base musical (entre tres e cinco minutos de duración) en galego. Algunha idea xa temos, pero gustaríanos que achegásedes máis. Podedes deixar as vosas propostas como comentarios a esta entrada, no noso facebook, no tuenti, en twitter, ou envialas por e-mail ao enderezo normalizacionvaldotea@gmail.com.
Refresquemos a memoria co lipdub do ano pasado:

Tuesday, March 27, 2012

OS CERTAMES LITERARIOS ATACAN DE NOVO

Para os que teñen algo que contar, para os que senten intensamente, para os que cren que teñen talento, para os que non... Para os que queiran, aquí está de novo a oportunidade de expresar o que levan dentro. Ánimo!, o prazo remata o 4 de maio.
Os carteis, deseñados por Berto, son realmente impactantes, ou non? Clicade nas imaxes para agrandalas e ver as bases.


Wednesday, March 14, 2012

Exposición VEXETAIS DE GALICIA

Este venres, día 16, remata a exposición sobre as especies vexetais galegas, ubicada no corredor da biblioteca. Trátase dunha mostra itinerante, elaborada polo EDL do IES Ribeira do Louro (O Porriño) e, por mor da súa demanda, temos que desmontala o venres. A exposición recolle un amplo repertorio de árbores, arbustos, plantas, herbas e flores con fotografías a tamaño real, clasificadas e nomeadas. Non a perdades, paga a pena.

Wednesday, March 7, 2012

CANLETV. A web do audiovisual galego

Logo de que desaparecese "FlocosTV", por fin volvemos ter unha páxina na que está reunida unha parte da produción audiovisual en Galiza. Trátase dun portal que depende da AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais) e que se configura como mostra ou escaparate dos nosos artistas.
A web chámase canletv e, a partir de agora mesmo, estará na nosa lista de ligazóns. Como aperitivo colgamos esta curta de animación: A espía que xurdiu do fillo (2006), obra de Fran Pedreira.

Wednesday, February 29, 2012

Ás voltas co entroido e as súas coplas

Estreamos vídeo coas fotos do entroido deste ano (moi profesionais, grazas a Bea Tapia) e a letra gañadora no concurso de coplas. Fixádevos ben nos disfraces e na letra, non ten desperdicio. Ah, e expoñede a vosa opinión na enquisa da marxe.

Thursday, February 16, 2012

O ENTROIDO XA ESTÁ AQUÍ

Un ano máis chega a festa dos disfraces ao instituto. Este ano imos contar, entre outras, coas seguintes actividades:
  • Torneo de xadrez
  • Partido de fútbol sala entre profesores e alumnos
  • Concurso de disfraces
  • Concurso de coplas de entroido
Para ambientarnos, confeccionamos (un pouco ás carreiras) un mural gráfico sobre esta celebración en Galiza.
A gozar!

Wednesday, February 8, 2012

Un novo xornal dixital en galego: PRAZA PÚBLICA

Dende hai máis dunha semana xa funciona, e ben, Praza Pública, un novo xornal que emprega o galego como lingua exclusiva. Canta falta facía!

Tuesday, January 31, 2012

"OS RESENTIDOS" VOLVEN 30 ANOS DESPOIS

Foi a primeiros dos anos 80 cando, no marco da chamada "movida viguesa", xurdiu o primeiro grupo de rock que empregou e popularizou o galego nas súas composicións. Hoxe resúltanos estraño e case exótico oír unha canción en galego nas emisoras de radio xeneralistas. Pois ben, daquela Os resentidos chegaron a ser uns auténticos supervendas e o seu tema "Galicia caníbal" escoitouse nas ondas, non só en Galiza, senón tamén no resto do estado. Un precedente que deu lugar máis adiante ao "rock bravú", ao que se engancharon un feixe de grupos que tamén compuñan en galego. Actualmente, por fortuna, contamos cun amplo abano de intérpretes na nosa lingua e, dalgún xeito, debémosllelo, como non, aos resentidos.
O seu concerto de retorno terá lugar en Ourense o 12 de maio.

Sunday, January 15, 2012

I CONCURSO DE COPLAS DE ENTROIDO

Por primeira vez, e agardemos que non por última, o Equipo G convoca un concurso de coplas de entroido. Que é iso? Pois trátase de composicións satíricas cuxo obxectivo é facer rir, aludindo a diversos aspectos da actualidade (a crise, a corrupción nos políticos, a televisión, etc.)
Para que nos fagamos unha idea, expoñemos a continuación o procedemento e as bases provisionais do concurso.

Procedemento:
1.    Escollede a música dunha canción coñecida por todos.
2.    Cambiádelle a letra por unha de elaboración propia.
3.    Interpretade a nova canción no salón de actos.

Bases:
1.    Poderá participar calquera alumno/a matriculado no centro.
2.    Admítese a participación individual ou en grupo, ata un máximo de 5 compoñentes.
3.    A interpretación das coplas terá lugar o venres 17 de febreiro e non poderá superar os 4 minutos.
4.    O(s) participante(s) entregaranlle ao xurado unha copia escrita da letra que presentan.
5.    O premio á mellor composición, determinada polo xurado, consistirá nun vale de 35 € para consumicións na cafetaría do centro.

Un simpático exemplo de coplas de entroido son as da comparsa Animodo, de Domaio: Disfrutádeo: