Tuesday, January 31, 2012

"OS RESENTIDOS" VOLVEN 30 ANOS DESPOIS

Foi a primeiros dos anos 80 cando, no marco da chamada "movida viguesa", xurdiu o primeiro grupo de rock que empregou e popularizou o galego nas súas composicións. Hoxe resúltanos estraño e case exótico oír unha canción en galego nas emisoras de radio xeneralistas. Pois ben, daquela Os resentidos chegaron a ser uns auténticos supervendas e o seu tema "Galicia caníbal" escoitouse nas ondas, non só en Galiza, senón tamén no resto do estado. Un precedente que deu lugar máis adiante ao "rock bravú", ao que se engancharon un feixe de grupos que tamén compuñan en galego. Actualmente, por fortuna, contamos cun amplo abano de intérpretes na nosa lingua e, dalgún xeito, debémosllelo, como non, aos resentidos.
O seu concerto de retorno terá lugar en Ourense o 12 de maio.

Sunday, January 15, 2012

I CONCURSO DE COPLAS DE ENTROIDO

Por primeira vez, e agardemos que non por última, o Equipo G convoca un concurso de coplas de entroido. Que é iso? Pois trátase de composicións satíricas cuxo obxectivo é facer rir, aludindo a diversos aspectos da actualidade (a crise, a corrupción nos políticos, a televisión, etc.)
Para que nos fagamos unha idea, expoñemos a continuación o procedemento e as bases provisionais do concurso.

Procedemento:
1.    Escollede a música dunha canción coñecida por todos.
2.    Cambiádelle a letra por unha de elaboración propia.
3.    Interpretade a nova canción no salón de actos.

Bases:
1.    Poderá participar calquera alumno/a matriculado no centro.
2.    Admítese a participación individual ou en grupo, ata un máximo de 5 compoñentes.
3.    A interpretación das coplas terá lugar o venres 17 de febreiro e non poderá superar os 4 minutos.
4.    O(s) participante(s) entregaranlle ao xurado unha copia escrita da letra que presentan.
5.    O premio á mellor composición, determinada polo xurado, consistirá nun vale de 35 € para consumicións na cafetaría do centro.

Un simpático exemplo de coplas de entroido son as da comparsa Animodo, de Domaio: Disfrutádeo: