Monday, November 23, 2015

ACCIÓN POÉTICA, SORTEO



 Coa segunda entrega da Acción Poética informamos tamén do sorteo. Entre aqueles/as que recompiledes 10 poemas dos que fomos deixando polo instituto, os completedes e entreguedes ao equipo de Dinamización, faremos un sorteo dunha camiseta con deseño galego.

O prazo remata o 30 de abril e o sorteo farase o 16 de maio, dentro dos actos do Día das Letras Galegas.



A ver se vos gusta esta camiseta, hai máis modelos.


Nesta segunda entrega vai outro poema de Ana Silva que, como non ides atopar na biblioteca, reproducimos completo.

Inexplicable
Paseas o teu corpo diante de min
e soan as alarmas.
Dentro de ti está
o meu código de barras.

Amores patolóxicos, Ana Silva

Thursday, November 12, 2015

ACCIÓN POÉTICA VAL DO TEA



Deixamos unha presa de poesías, anacos delas, espalladas polas portas do instituto. Están aí para collelas, lelas, gardalas, convertilas nun agasallo para quen un queira, metelas disimuladamente no peto de alguén, ou na carpeta...
Iremos repoñendo. Se alquén quere que apareza algunha que lle guste especialmente, só ten que enviárnola.
Este curso Manuel María vai estar presente en moitas ocasións, del,  aí vai o poema enteiro. É o número 46 do libro Ritual pra unha tribu de concello:
  
A nosa desolada xuventude foi
un ermo de resiñada soedade.
Reprimimos a nosa incontibel
paixón, de xeito vergoñento.
Fomos incapaces de impedir
que o noso corazón se enchera
de esterco fedorento. Éramos
impotentes pra ollar a luz.
Andivemos, foscos e calados,
vida adiante, co desemulo
e a mentira nos beizos.
Nunca confiamos en ninguén.
Rematamos por estar emigrados
no fondo tebregoso de nós mesmos.
Afogamos a nosa pureza dubidosa
nun vaso de mal viño. E rematamos
queimando os soños máis ousados
no lume dun cigarro detestabel.

Monday, November 9, 2015

MAGOSTO 2015



O xoves 29 de outubro fixemos un magosto no instituto. Non faltaron as castañas, xogos como o do chocolate, a música en directo e o baile. Baixo a mirada de Rosalía e Castelao. Temos que agradecer aos músicos a súa colaboración e esperamos contar con eles e elas para outras ocasións.



Thursday, October 29, 2015

ANDAINA DO FOXO DO LOBO

ANDAINA DO FOXO DO LOBO

 


Día de paseo pola serra do Suído. O bo tempo permitiunos disfrutar da paisaxe e, despois de ver o Foxo do Lobo de Campo, rematamos xantando no xardin da Rectoral de Fofe. Desde aquí un agradecemento aos propietarios por permitirnos disfrutar das súas instalacións. Quedades convidados para a próxima.


Ao fondo a ría de Vigo, as Cíes, Moaña e Cangas

Thursday, October 15, 2015

III XORNADA DE CONVIVENCIA COMUNIDADE ESCOLAR IES VAL DO TEA


 ROTEIRO DO FOXO DO LOBO  (COVELO)

 DOMINGO 25 DE OUTUBRO

► ROTEIRO POLAS INMEDIACIÓNS DA SERRA DO SUÍDO CON VISTAS AO VAL DO TEA, FARO DE AVIÓN E, SE HAI SORTE CO TEMPO, DAS ILLAS CÍES. VEREMOS O FOXO DO LOBO E O CHOZO DE CAMPO, TODO NO CONCELLO DE COVELO.
► PERCORRIDO LINEAL DE 10 KM DE ESCASA DIFICULTADE (CASE TODO BAIXADA):
PROXIMIDADES DA ALDEA DA GRAÑA - SERRA DO SUÍDO -  FOXO DO LOBO – CAMPO.
► SAÍDA: ÁS 10:00 DIANTE DO INSTITUTO (VEHÍCULOS PARTICULARES) E 10:30 NA PARTE DE ABAIXO DA RECTORAL DE FOFE.
► AO SER UN PERCORRIDO LINEAL DEBEMOS DEIXAR ALGÚN COCHE NO FINAL PARA IR RECOLLER OS OUTROS AO INICIO DA RUTA UNHA VEZ REMATADA.
► MENORES DEBERÁN IR ACOMPAÑADOS DALGÚN ADULTO RESPONSABLE.
► QUEN O DESEXE DEBE LEVAR ALGO DE COMER PARA XANTAR XUNTOS AO REMATE.
► RECOMENDACIÓN: LEVAR CALZADO CÓMODO RESISTENTE Á AUGA E UNHA PRENDA DE ABRIGO (NO ALTO SEMPRE VAI FRESCO).
► INSCRICIÓN E INFORMACIÓN: CÁNDIDO (FÍSICA E QUÍMICA) E JOSÉ MANUEL (ANPA) OU NOS ENDEREZOS: normalizacionvaldotea@gmail.com  anpavaldotea@gmail.com

Friday, October 9, 2015

MÚSICAS PARA EMPEZAR O DÍA

Comezamos un novo curso con músicas. Músicas en galego de todos os estilos e para todos os gustos. Existe un gran número de grupos que cantan na nosa língua aos que ás veces é difícil acceder porque non se escoitan nas radios nin nas televisións. Mesmo na Radio Galega ou na TVG, que se supón que deberían promovela e difundila é frecuente escoitar músicas dutros sitios (que tamén se poden disfrutar) cunha frecuencia que non parece moi normal.
Resulta complicado mercar os seus discos porque xa case non hai tendas de discos, e de habelas, a nosa música está nun recuncho... ou directamente non hai recuncho. Quédannos os festivais que se organizan ao longo do país, as redes sociais e algúns intentos como o noso para dala a coñecer. Desde o Equipo de Dinamización Lingüística do Val do Tea esperamos que disfrutedes e que comprobedes que non é certo aquelo de que en galego non se pode facer rock, blues, pop, rap, hip-hop, jazz ou calquera estilo que vos veña á cabeza. Sen esquecernos  da música tradicional, claro está.
Benvidos ao novo curso e a cantar e bailar.

Ahí vai unha mostra cunha boa colección.
https://www.youtube.com/channel/UCveErH5VRfpyS4E3URroGfg

 E a cantante do momento, Sés, cunha canción que case é un himno.
https://www.youtube.com/watch?v=7ipxI1gU-Vc